Cargando...

BELUSO

Beluso

PARROQUIA DE SANTA MARÍA DE BELUSO (BUEU)

A palabra Beluso procede probablemente da raíz céltica * bel - que significa ‘bonito, o que encanta’ mais a derivación latina (-osu). *belosum: ‘o que cautiva e embelesa’. O primeiro testemuño documental data do ano 1108, trátase dunha doazón feita a favor do mosteiro de Poio que di: “a metade da Vila de Belluz coa súa igrexa”.

Historicamente esta parroquia estaba conformada por unha “vila” -sobre a que aínda permanece un dereito de presentación eclesial do señor marqués de Santa Cruz de Rivadulla, ao que pertence o propio templo, casa reitoral do século XVI e terras anexas- e por un couto denominado Couto de Bon e Vilar, sobre o que exercía dereito de señorío civil a casa Torre de Aldán. Na actualidade conta como lugares máis destacados con: A Achadiza, Bon, O Cabalo, A Costa de Figueirón, Chan de Piñeiro, Montemogos, Praia de Beluso, A Roza, A Ruanova, Sanamedio, Sar e Vilar, todos eles dignos dun lento e contemplativo percorrido.

Conta con dotacións públicas como Casa do Pobo, biblioteca pública, pavillón polideportivo e campo municipal de fútbol de Laxes no lugar do Cabalo. Existe un parque público periurbano que leva o nome de Xosé Novas Regueira, fillo predilecto da vila que emigrou a New York, destacou como publicista e creou unha fundación pública que se fai notar na parroquia como benfeitora.