Cargando...

CABO UDRA

CABO UDRA

O Cabo de Udra é un enclave natural, catalogado dentro da Rede Natura 2000. Son en total 8 quilómetros de fronte costeira e ocupa unha extensión dunhas 623 hectáreas. Está formado na súa maior parte por pequenos cantís entre os que se intercalan pequenas praias como a de Mourisca a unha beira do cabo ou as calas de Ancoradouro, ou Lagos no outro, dándolle unha especial beleza paisaxística. Podemos contemplar unha extensa e fermosa panorámica da Ría de Pontevedra, Ons e Punta Couso que dá entrada á Ría de Aldán.

Ata hai pouco era aproveitado polos veciños para a obtención de esquilme e para o pastoreo, como queda reflectido nas curiosas cortellas levantadas entre as formacións pedregosas. Hoxe é unha visita obrigada, por tratarse dun verdadeiro museo xeolóxico ao aire libre, con formacións graníticas cheas de pías, de cacholas, de acanaladuras e de grandes cristais de feldespato, que adoptan moitas veces formas caprichosas; algunhas adquiren, aos nosos ollos, formas unhas veces zoomórficas (unha balea, un hipopótamo, un león mariño, un oso…), outras de distintos obxectos como unha carabela.

A importancia da fauna e a flora (incluida a mariña) ponse de relevo na Aula da Natureza, trátase dun dos poucos centros de interpretación co distintivo de Bandeira Azul en Galicia, que avala o seu labor en favor da educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenrolo sostible.

Dende antigo o home estivo presente en Udra: o Monte Castro acolleu un asentamento castrexo, como confirman os restos cerámicos atopados. As augas gardan pecios de grande interese como moi ben saben os mergulladores; no Museo de Pontevedra están depositados uns cepos de áncoras de navíos romanos. Durante a segunda metade do s.XX albergou unhas instalacións militares das que hoxe apenas quedan vestixios.

 

Tipo:

Espazos naturais

Localidade:

Bueu

Onde comer cerca

Taberna O Farol

a 3km 415m

Onde aloxarse cerca

Camping Aldán

a 5km 840m

Patrimonio cercano

Casa Molezún

a 2km 510m

Porto de Beluso

a 2km 631m