Cargando...

CALVARIO DE SAN MARTIÑO DE BUEU

CALVARIO DE SAN MARTIÑO DE BUEU

No propio adro atopamos O Calvario de Bueu, un dos puntos senlleiros da nosa visita polo seu valor monumental e pola fermosa atalaia onde se atopa. Os calvarios galegos son conxuntos escultóricos formados por tres cruces con cadansúa figura humana (a de Cristo e a dos dous ladróns). Son moi escasos, de feito, en Galicia, só existen tres: en Barbudo, en Beade e en Bueu. Foi mandado esculpir en 1686 por Fernando de la Rúa y Freire, reitor inquisidor de Bueu e señor do Pazo de Santa Cruz. Formaba parte do conxunto monumental da primitiva ermida dos Santos Reis no Valado. Con posterioridade, os dous ladróns pasaron a mans privadas, tal como describe Castelao en As cruces de pedra na Galiza. Recentemente, a familia propietaria doounas a Igrexa, recuperándose así o conxunto primitivo. Sobre cadanseu plinto érguense os tres varais biselados de catro caras rompendo as arestas a xeito de escamas.  A cruz coa imaxe de Cristo ten unha caveira no plinto e é máis alta e ocupa a posición central. Os capiteis están adornados con caras de anxos e volutas pétreas no caso de Xesús e do ladrón da dereita, Dimas, en troques, o ladrón da esquerda, Xestas, aparece cunha escultura do diaño sacando a lingua. A imaxe do Fillo de Deus aparece cos ollos pechados, cabeza inclinada e tres cravos, mentres que os dous ladróns, Dimas e Xestas, aparecen amarrados con cordas polos brazos e un cravo en cadanseu  pé. 

Concello de Bueu, parroquia de Bueu, lugar O Valado (Rúa Ramón Bares)

Próximo ao núcleo de poboación, no adro da Igrexa de San Martiño de Bueu, con zona de aparcadoiro