Cargando...

Capela de San Antón

Capela de San Antón

Atópase anexa á Casa Granxa do Pracer.

Consta dunha pequena planta rectangular, de estilo barroco, que foi feita para uso particular dos seus donos fundadores, os señores de Aldao, propietarios da casa-pazo á cal a capela está anexa. Cómpre dicir que estes propietarios posuían outras edificacións nobres e terras en Arxentina e Colombia.

A construción da capela iniciouse no século XVII, pero parece ser que foi rematada no século posterior, concretamente no ano 1732, (faise constancia desta data no dintel da porta lateral). Posúe dúas fachadas visibles, unha a fachada principal, orientada cara o norte e outra, a fachada lateral, orientada cara o leste.

Na fachada principal sitúase a porta principal, comprendida dentro dun arco de medio punto. Por enriba da porta e metido nun oco, atópase a figura do santo titular, tallada en pedra, e, alzando un pouco máis a vista, obsérvase un pequeno escudo nobiliario, pertencente a familia Aldao. Por último, na parte superior da fachada, atópase unha pequena campá.

Na fachada lateral, xa máis preto da casa, atópase unha porta lateral, de sinxela estructura, cun pequeno sobremarco. Pódese destacar tamén a cornisa existente por debaixo do sobreteito, e máis as acróteras decoradas en pirámide e bóla existentes nos extremos de ambos sobreteitos da fachada principal.

No interior existe un pequeno altar; na parte superior central deste aparece a imaxe da Virxe das Neves, tallada íntegramente en pedra, a súa dereita atópase un San Antón tallado en madeira. Xa na parede lateral, pegado a este último santo aparece a imaxe de San Isidro Labrador cunha parella de bois; tamén nesta parede se apoia a pila de auga bendita. Xunto con estas imaxes, aparece Cristo crucificado e unha pequena imaxe dunha virxe, da cal descoñecemos o nome. Cómpre resaltar unha virxe de pedra que se sitúa na entrada que da á casa: nun peto único existente na parroquia, a Virxe do Portal (Virxe dos Remedios) a cal é sacada do seu peto no día que se lle adica unha misa pública.

Hai noticias de que existiu unha confraría a favor do Santo titular da capela nesta parroquia.