Cargando...

CAPELA DO HOSPITAL

Capela do hospital

A Capela do Hospital, tamén coñecida como da Concepción ou de San Roque érguese hoxe nos xardíns do Señal, pero este non era o emprazamento orixinario. Estaba situada na Rúa Euxenio Sequeiros, onde hoxe se levanta o edificio dunha entidade bancaria entre a Rúa do Hospital e San Xosé. Formaba parte dunha serie de construcións situadas nas proximidades do adro e que constituían un lugar de acollida para pobres e transeúntes e mesmo para  peregrinos.

Foi mandada construír por Gonzalo de Nogueira y Araújo en 1711. Na portada de inequívoco estilo barroco rural galego, pode contemplarse un frontispicio triangular que acolle o escudo familiar do fundador. No seu interior destacaban o retablo, coa imaxe da Inmaculada Concepción, e o sepulcro do fundador. Pero o apego dos cangueses por ela vai máis alá do valor artístico, pois era testemuña do voto que en tempos os cangueses fixeran a San Roque para librarse da peste. Ao achegarse a data da festividade do santo, realizábase unha cerimonia de translación das imaxes de Santa María, San Sebastián e San Roque desde a capela á igrexa parroquial, onde quedaban expostas, para volver ao seu emprazamento uns días despois coa alegre compañía dos nenos portando bandeirolas de papel.

A principios dos anos sesenta desestimáronse varias solicitudes de derrubo, ata que en 1966, un acordo entre o párroco de Darbo, como administrador eclesiástico da capela, e representantes da Caixa de Aforros Municipal de Vigo permitiu iniciar a desmontaxe. O compromiso de reconstruíla non se cumpriu e durante máis de trinta anos as pedras permaneceron tiradas en diferentes lugares, perdéndose unha cantidade notable delas. A insistencia dun pequeno grupo de persoas mantivo vivo o recordo e tras recuperar as pezas da portada e o sepulcro do fundador, comezouse a reconstrución nun lugar que cumpría dúas esixencias, estar fronte ao mar e nun lugar o máis próximo posible ao emprazamento orixinal.

Nesta reconstrución observarás que se substituíron as pedras que non se atoparon por outras dunha calidade totalmente diferente, de xeito que se pode distinguir perfectamente as pezas novas, de cor máis clara, das orixinarias, que teñen unha tonalidade máis escura. Hoxe é unha sala de exposicións.

Onde aloxarse cerca

Hotel Playa

a 1km 110m

Patrimonio cercano