Cargando...

Carpinteria de ribeira - Astaleiro de Purro

Carpintería de Ribeira - Astaleiro de Purro

CARPINTERÍA DE RIBEIRA (BANDA DO RÍO, BUEU)

Coñecida nos últimos tempos como ‘estaleiro de Purro’, trátase da única carpintería de ribeira que se conserva en toda a Ría de Pontevedra, polo que se considera unha peza clave do patrimonio marítimo cun gran valor material e inmaterial para a vila de Bueu.

Fundada no 1920, escolleuse este emprazamento polas boas comunicacións que ofrecía, ao estar no centro da vila, e por atoparse a carón dunha praia abrigada, o que permitía facer as botaduras con tranquilidade. Daquela tamén baixaba aínda sen canalizar o río Bispo, en cuxa canle se enterraba a madeira como tratamento de curación.

Gamelas, chalanas, lanchas xeiteiras, botes polbeiros e traíñas son algunhas das embarcacións que se empezaron a construír baixo a estrutura inicial conformada por un tellado a dúas augas asentado sobre columnas de pedra. A incorporación do motor como método de propulsión fixo que as embarcacións aumentaran de tamaño, e tamén as instalacións se ampliaran en varias fases, acadando unha fisionomía peculiar.

En 1988, coa construción do muro de abrigo para protexer as casas das marusías, retiráronse as vías de varada do estaleiro, compostas por tres raíles paralelos que se adentraban uns 30 metros na praia.

Nos derradeiros anos a carga de traballo veu da man da implantación das bateas. Hoxe no estaleiro da Banda do Río séguense a executar encargos, principalmente de asociacións de amigos das embarcacións tradicionais.