Cargando...

Casas de Patín

Casas de Patín

Na zona da Igrexa Parroquial de Cangas, o visitante pode perderse entre rúas e canellas para ollar a arquitectura tradicional. Esa creación dos mestres canteiros que non sabían de leis xerais, pero sabían ler nas leis da natureza e do clima como se debía construír en cada rúa. Os elementos imprescindibles: a pedra, duradeira e forte, cos seus saíntes sobre as fiestras para evitar a caída das augas sobre o pousadoiro; as portas de aire, esa especie de balcóns a nivel de fachada para dar luz nos labores de costura, permitir a ventilación e ser espazo de expansión para os seus moradores. Pero o elemento característico da casa mariñeira é o patín, unhas escadas exteriores que dan acceso á planta superior da casa. Estas casas caracterízanse por manter unha división funcional en horizontal. A parte baixa das vivendas dedicábase a gardar os aparellos de pesca, animais ou almacén dos produtos do campo. A parte superior era espazo habitado e accedíase a el por medio de escadas, ben paralelas ben perpendiculares á fachada, labradas en pedra, coa súa varanda máis ou menos adornada segundo a capacidade económica da familia. Esta vivenda constitúe a edificación característica das vilas mariñeiras.