Cargando...

Cruceiro de O Hío

Cruceiro do Hío

• Este cruceiro, considerado o máis importante de Galicia, érguese no adro da igrexa de Santo André, é unha filigrana do barroco que desenvolve en pedra unha lección de teoloxía.
• Ten unha plataforma de tres escadas cadradas coas esquinas mortas.
• O pedestal é en tronco de pirámide cuadrangular invertido, todo moi labrado. En todo o cruceiro non hai ningún centímetro cadrado de pedra que non estea labrado.
• Sobre a mesa do pedestal de 1,70 x 1,70 m. desenvólvese todo o monumento. O primeiro tramo compóñeno catro columnas a xeito de volutas que flanquean catro fornelas coa representación teolóxica do pecado orixinal e da redención. Na primeira represéntase a Adán e a Eva no Paraíso. Na seguinte Eva é tentada pola serpe que enroscada á árbore lle ofrece unha mazá. Na outra presenta o purgatorio coas ánimas sufrindo o martirio das lapas e ollando a Virxe do Carme como camiño de salvación. Na cuarta fornela móstranos a Xesús como Redentor pola cruz, abrindo a porta do Limbo e deixando pasar as ánimas dos xustos.
• Sobre este conxunto escultural, leva un ábaco con moldura no que se asentan outras catro columnas en voluta abrazando un pedestal cilíndrico adornado con rebaixes e labras xeométricas. Deste ábaco arrinca o fuste.
• A fronte do fuste cilíndrico está ornamentado coas figuras de Adán e Eva, nus e avergoñados, pesarosos do pecado, a Virxe na advocación da Inmaculada e, máis arriba, as figuras dos arcanxos San Miguel e San Gabriel. Remata o fuste nun capitel corintio con follas de acanto.
• Catro anxos sosteñen nas costas a plataforma sobre a que se realiza a parte máis salientable, O DESENCRAVO.
 
• A cruz, cilíndrica con nós, imitando os toros das árbores, é o eixo do conxunto escultórico. Na parte de atrás ten dúas escadas apoiadas nos brazos da cruz, ás que están subidos dous homes, Nicodemus e outro. O home da dereita ten o pé esquerdo apoiado no cuarto paso da escada dobrando o xeonllo, e a perna dereita colgando por fóra, colgado para diante, coa man esquerda agarra, por detrás da cruz, a saba do descendemento que sostén a Xesús por debaixo dos brazos. O home da outra escada está de puntillas no sexto paso, e debruzado sobre o brazo esquerdo da cruz. É na fronte onde se desenvolve toda a escena do descendemento. Aquí ollamos que o home da dereita colle o brazo de Xesús e, nunha profusión de detalles, vemos asomar na faixa o martelo e as tenaces usadas no desencravo. O outro home coa man dereita agarra a saba e coa esquerda o outro brazo do crucificado; tamén este ten na faixa martelo e tenaces.
• A figura de Xesús preséntasenos cos brazos caídos, cabeza ergueita e os pés montados, o dereito sobre o esquerdo, e tendo aínda o cravo.
• Ao pé da cruz está a Virxe María axeonllada mirando as mans cunha expresión dorida. Parece ser que sostiña a coroa de espiños que lle quitaran ao fillo. Ao lado María Magdalena leva as mans á cabeza nun xesto de desesperación. Xosé de Arimatea, sereno e atento, colle polos pés a Xesús.
• Pensando que toda a escena foi labrada nunha soa pedra, é admirable a perfecta distribución das figuras, as proporcións das labras e a precisión das distancias, e admirable a sensibilidade do artista para plasmar tan minuciosamente os detalles que engrandecen a obra, pero o que é realmente impresionante é o realismo vivo que consegue en todo o conxunto da escena, aos homes que están subidos nas escadas e a Xosé de Arimatea que o colle polos pés, oíselles dicir: ¡CON COIDADO! .
• Durante anos tívose por autor desta obra, datada en 1872, a Xosé Cerviño García, de Augasantas, do lugar da Pena, por iso tamén se lle coñecía como “Pepe da Pena”. Estudiosos deste cruceiro sosteñen que o autor é Ignacio Cerviño Quinteiro, tamén de Augasantas, e contemporáneo de Xosé. Ao perderse a documentación será difícil chegar a conclusións definitivas.
 

Onde comer cerca

Onde aloxarse cerca