Cargando...

DANZA DE SAN SEBASTIÁN

Danza de San Sebastián de Aldán

O 20 de xaneiro celébrase a Festa de San Sebastián. Este santo non é o patrón da parroquia pero é tan celebrado como San Cibrán e ten un gran interese turístico por canto se celebra a chamada Danza de San Sebastián. As orixes da mesma son descoñecidos. A primeira mención documental remóntase a 1678 e fala da constitución dunha confraría segundo recollen as investigacións publicadas pola Asociación encargada de fomentar e conservar esta tradición. Once homes ataviados con traxes escuros, sombreiro e banda realizan o baile con cinco mulleres. Un dos homes é o mordomo que é o encargado de adornar a igrexa e buscar os danzantes e os gaiteiros. Este papel asúmese por unha promesa realizada ao santo. As mulleres portan enaguas e traxes brancos, e sobre eles, locen mantón de Manila. Na cabeza levan sombreiro de palla adornado con flores feitas de tea. Parece ser que, inicialmente, a danza era improvisada, pero foise fixando por imitación dos bailes da corte. Na súa orixe tivo un carácter agrícola, pero tamén hai quen sostén que é un tributo ao santo polo andazo da peste de 1517. En calquera caso, a presenza de flores no traxe feminino non parece cadrar co feito de que se danzase no mes de xaneiro.