Cargando...

Entroido do Hio

Entroido do Hio

Tradición dos veciños e veciñas de 7 aldeas de Hío: Liméns, Nerga, Vilariño, Igrexario, Vilanova, Pinténs e Donón, que se unen e participan dende os máis pequenos aos máis maiores ó son constante da música e acompañados do colorido dos seus disfraces.


ISTO É O QUE DEBES SABER SE DECIDES UNIRTE A ESTA FESTA:
 

Cada unha destas aldeas contrata a un grupo de Gaiteiros que deberá tocar unhas 13, 14 ou 15 horas cada unha das dúas xornadas e media que dura a festa; eles son as verdadeiras estrelas. De feito, non se escoita ningún outro tipo de música durante as horas e horas nas que pasan as comparsas indo dun lugar a outro. Por iso, é lóxico que os grupos que participan sexan despois moi respectados polos demais gaiteiros, ademais de ser seguidos por tódolos veciños disfrazados e bailando, formando unha especie de procesión multicolor que percorrerá a parroquia de Hío. 


LUNS e MARTES: Cando está toda a comitiva iníciase o percorrido cara a primeira aldea, pero OLLO!!!!!, non de calquera xeito, o Entroido de Hío ten as súas propias normas, protocolo, e tódolos veciños saben o que teñen que facer en cada momento. Festa si, pero ordenada. O primeiro que debes saber, é que non se arrinca ata que estean as sete aldeas da parroquia.


O percorrido do luns comeza en Vilariño polo que serán os primeiros, os anfitrións que reciban ao resto da comitiva, así que todos cédenlle o primeiro posto. Os demais presidentes reciben as comparsas con “vivas” e despois, antes de chegar ao palco, tódalas agrupacións fan o corredor para que a comparsa entre na súa aldea con todas as honras. Mentres tocan os gaiteiros dunha das aldeas, só bailan os veciños desa Despois de cada actuación, a comitiva comeza a andar de novo cara a outra das aldeas. As seguintes a visitar son O Igrexario, Pinténs e Vilanova. En cada unha delas levará a cabo o mesmo protocolo que nas anteriores: As comparsas que seguen á anfitrioa, seguen a mesma orde de aldeas que van visitar despois, de maneira que a que toca agora, Vilariño, despois pasa a último lugar. Unha vez que entran, serán os gaiteiros anfitrións os primeiros en tocar, logo en orde o resto de comparsas no mesmo orde de visita.

O percorrido termina a iso das 6 da tarde e cada unha das comparsas volve á súa aldea. 

O martes volven reunir no Igrexario, entre as 8 e as 9 da mañá e vólvese a repetir o mesmo protocolo que o luns. A anfitrioa é Liméns.

O seguinte lugar de parada é Nerga. 


MARTES DE ENTROIDO no HÍO

Xa é o último día de Entroido, e hai tradición para comer en Nerga. A gran maioría faino na Cruz de Castro. E tras os “vivas” arrincan cara a Donón, a última aldea. En Donón termina o percorrido das comparsas; e como é a última xúntase moitísima xente. A festa prolóngase, porque aínda que despois queda o baile en cada unha das aldeas, este é o último lugar onde van estar as 7 todas xuntas. E como se achega a despedida e ninguén quere terminar, non se deixa de bailar, mentres soan as gaitas, segue a festa no Entroido de Hío.

 

Outra tradición que se conserva, é a de facer as “estradas” (palcos onde tocarán os gaiteiros). Cada aldea constrúe o seu, traballo que inclúe buscar as varas de eucalipto, as mimosas, loureiros, para adornalos. Fanse uns días antes do comezo do Entroido, o normal é que se xunten os mozos e mozas polas tardes preparando o palco. 

Os responsables das aldeas e todos, queremos resaltar a importancia de preservar e coidar a nosa tradición, e a non permisibilidade de calquera tipo de ataque por parte dos visitantes. Nos Entroidos do Hío, non se lle pecha a porta a ninguén, só se pide respecto