Cargando...

ERMIDA DOS SANTOS REIS

ERMIDA DOS SANTOS REIS

A Ermida dos Santos Reis, toda unha alegoría non exenta de esoterismo, é un templo moi orixinal, non só por ser, xunto coa catedral de Colonia o único con esta advocación. En 1686, o tantas veces citado, Fernando de la Rúa y Freire mandou levantar un templo neste lugar do Valado, pero apenas cen anos despois estaba derruído e as súas esculturas espalladas por distintas mans, como xa apuntabamos ao falar do Calvario. En 1948 a Corporación Municipal de Bueu resolvía aprobar unha reedificaicón no mesmo emprazamento. Aínda que os planos veñan asinados por un enxeñeiro de camiños, Victoriano Barcala, a nova construción leva o selo do pintor Urbano Lugrís González a quen lle encargan o proxecto. Unha copia dos bosquexos do mesmo pódese admirar no salón nobre capitular de sesións da Casa Consistorial de Bueu.

A ermida, de planta cuadrangular e tellado a catro augas, nunha interpretación ampla, sería unicamente o sancta sanctorum dun templo real do que tamén forma parte a natureza circundante. Os altares exteriores serían unha proba dese diálogo coa contorna. Na fachada principal, un arco de medio punto, sobresaínte a modo de pórtico e coroado por un crismón cunha cruz aspada, está decorado con motivos mariñeiros: unha cuncha de vieira na clave ou doela central, un barco de vela, unha áncora estilo almirantado, un peixe, unha gaivota, unha rosa dos ventos e unha balea. A ambos lados, sendas fornelas acubillan unhas figuras pétreas da Virxe e de San Xosé, novas pois as vellas perdéronse. Nos laterais existen catro falsos contrafortes que serven para ornamento e para situaren cadanseu evanxelista. Tres deles, xa orixinarios do edificio de 1686, foron espoliados e  logo recuperados; o outro, San Marcos, é  de recente creación, obra de Manuel Aldao Portas. Os aleiros están decorados con canzorros ornamentados con motivos mariñeiros, roda de temón e áncoras. No interior existía un retablo, confeccionado polo obradoiro dos irmáns Rivas de Santiago, para o grupo das tres imaxes dos titulares, un cáliz e unha ara, hoxe desaparecidos.

Localización: Concello de Bueu, parroquia de Bueu, lugar O Valado

Accédese a ela a pé deixando os vehículos nos arredores da igrexa de Bueu

Pódese entrar na capela o día de Reis (6 de xaneiro) Despois da misa repártese a tradicional rosca no contorno da singular capela. Tamén pode visitarse o día da Ascensión do Señor, que se celebra corenta días despois do Domingo de Pascua