Cargando...

Excolegiata de Cangas

Igrexa Santiago de Cangas - Excolexiata

Este edificio construído en estilo gótico, os muros rematáronse en 1541 e a igrexa foi consagrada en 1552, é un dos máis destacados da arquitectura relixiosa do concello. En 1545 adquire o título de colexiata, que perde en 1851. A portada de estilo renacentista está adornada cunha serie de esculturas, algunha desaparecida e outras tan deterioradas que os rostros son pouco máis que formas irrecoñecibles. O rosetón central, é o único aporte de luz notable que ten a igrexa. Sucesivas ampliacións, modificacións e reparacións introduciron elementos de diferentes estilos e épocas. Desde unha portada renacentista, atribuída a Xácome Fernández, á torre de estilo barroco ou o teito, parcialmente renovado en 1901 por mor dun incendio que destruíu o de madeira preexistente. A fachada estaba adornada por catro esculturas situadas a ambos lados da porta, algunha das cales xa non existe e outras están moi afectadas polo mal da pedra. A ambos lados érguense contrafortes en un dos extremos, unha torre campanil do século XVIII. Sobre a portada, ábrese un rosetón acristalado que dá luz ao coro.

O interior ten planta basilical, con tres naves delimitadas por grandes columnas rematadas en capiteis xónicos. O teito da nave central ten nervaduras góticas. A pía de auga bendita é unha gran cuncha traída por un fiel cangués dunha das súas navegacións e doada ao templo. Contén notables manifestacións da imaxinería relixiosa. Desde o Santo Cristo do Consolo, atribuído a Gregorio Fernández, e que é coñecido como o Cristo que non quixo arder, pola salvación milagrosa da súa talla durante os incendios provocados no ataque pirata, ata o coñecido popularmente como Cristo da Pila. O altar maior ten un retablo barroco tallado en madeira cunha figura de Santiago peregrino presidindo o espazo e coroado por outra representación do apóstolo a cabalo. O retablo que podes contemplar á dereita deste coas figuras de San Bartolomeu de San Xosé son debidos ao gremio de mareantes que custeou a súa construción. Aínda que non se pode contemplar máis que durante a Semana Santa, durante a procesión do Santo Enterro, a talla do Cristo morto que uns atribúen a Ignacio Cerviño e outros a Xosé Cerviño, escultor tamén do Cruceiro do Hío, é unha imaxe que non debes deixar de ver.

Onde aloxarse cerca

Hotel Playa

a 1km 272m

Don Hotel

a 1km 202m