Cargando...

Igrexa de Santa María de Darbo

Igrexa de Santa María de Darbo.

A Igrexa de Santa María de Darbo é unha construción barroca do século XVIII, sobre a base dun templo anterior queimado en 1.617. A súa edificación iniciouse poucos anos despois da invasión turca e finalizouse en 1733 coa construción da sancristía. Sobre a súa situación hai unha lenda que conta que todo o que os canteiros deixaban feito pola tarde, aparecía desfeito ao día seguinte. Desesperados, observaron a presenza dunhas pombas que insistentemente se deixaba ver ante eles e pousaban no mesmo sitio. Interpretando esa presenza coma un designio divino, decidiron erixir o recinto sagrado onde a pomba pousaba. Dise que, desde ese momento, os traballos seguiron con normalidade e que así foi como a igrexa de Darbo se eleva no sitio onde hoxe está. A fachada está constituída por dúas torres que se elevan nos extremos e unha sinxela portada que remata nunha forma semicircular adornada con dous pináculos helicoidais en cada extremo e dúas fiestras en forma de rombo que a iluminan.

No seu interior hai unha figura da Virxe do Rosario de 1733, patroa da parroquia, que foi tallada polo escultor baionés Diego de Sendón para substituír unha anterior que resultou danada durante o ataque das hordas turcas. O 8 de setembro celébranse as festas na honra da santa, que teñen unha tradición que se mantén hoxe con máis forza que nunca. Ese día celébrase diante da imaxe da virxe a tradicional Danza e contradanza de Darbo. Esta tradición tivo unha longa paréntese ata que a finais dos anos 80 se retomou esperamos que nunca máis se perda.

Farás ben amigo en achegarte, nesta datas, ao adro para deleitarse coa música das gaitas ou das bandas e gozar dos peixes, as empanadas e o viño que gran cantidade de postos ofrecen.

Diante da igrexa, pode observarse o cruceiro con ménsula, que como era tradicional en moitos lugares de Galicia, se construía para que nos enterros se oficiase un responso pola alma do defunto. No mesmo adro está a fonte, de feitura tamén barroca.

No extremo contrario, subindo as escaleiras, están os alpendres de feira. Segundo consta en documentos eran empregados xa no século XVIII como lugares para a celebración de mercado os martes e os venres de cada semana, días que se seguen conservando como de mercado ambulante en Cangas.

Onde comer cerca

Onde aloxarse cerca

Don Hotel

a 710m