Cargando...

Igrexa de Santo André do Hío

Igrexa de Santo André do Hío

A Igrexa de Santo André do Hío, construída durante o século XII en estilo románico, sufriu sucesivas reformas e reconstrucións que deixaron a pegada de estilos diversos. A portada ten unha cruz de Santo André en lazos e dúas figuras de talla ruda no tímpano. Dúas columnas con capiteis con ornamentación vexetal sosteñen as arquivoltas. Os laterais teñen uns contrafortes de construción moderna e as cornixas sostéñense sobre figuras de canzorros de temas variados. No interior, a nave conserva a traza románica e adivíñase a existencia dunha porta no muro leste, cegada de forma milagrosa segundo conta a lenda do ferreiro, recollida polo inesquecible Castelao. A historia fala da existencia dun vello ferreiro casado cunha muller moza moi fermosa. Así, non era de estrañar que as mentes envexosas tentaran espertar os celos do ferreiro propagando infamias e calumnias. Un día achegóuselle unha muller con sona de meiga que lle dixo que el pronto ía morrer e que a súa muller casaría cun home moito máis novo ca el. Enrabechado polos celos, o ferreiro colleu un ferro incandescente do lume e dirixiuse á igrexa coa intención de desfigurar a súa fermosura para que ninguén puidese gozar dela unha vez que el desaparecese. E conta a lenda que Deus cegou a porta para evitar que aquel home devorado pola desconfianza desfigurase o rostro da súa dona.

Cita tamén Castelao que nesta igrexa existía a única representación do inferno realizada en Galicia entre os séculos XII e XVII. Este releve atopábase no retablo lateral e estaba constituída por tres niveis. O nivel superior era o ceo, o intermedio o purgatorio e na base estaba o inferno, que contiña a representación dunha muller que aleitaba os seus fillos, segundo algunhas fontes, aínda que outros sosteñen que realmente se trataba dunha cabuxa coas patas para arriba e sete tetos, analoxía dos sete pecados capitais. Era coñecida como a Dema do Hío e ante a cantidade de ofrendas que se lle ofrecían un párroco decidiu retirala nos anos 60 do século XX, descoñecéndose se foi queimada ou ocultada nalgún lugar.

Na contorna da igrexa, hai dúas esculturas: na parte posterior, unha Virxe do Carme do escultor M. Coya, veciño do lugar de Nerga e autor doutras esculturas como o mascarón que se ergue nos penedos do Molle de Ojea ou as aves que se erguen a poucos metros da capela do Hospital, e o afamado Cruceiro do Hío.

Onde comer cerca

Onde aloxarse cerca