Cargando...

ILLA DE ONS

Illas Ons

Nesta verdadeira balea durmida na entrada da Ría de Pontevedra,  caben marabillosos areais, miradoiros, como o de Fedorento, furnas como o impoñente Burato do Inferno e toda a historia; as pegadas dos fenicios, o castro do Castelo de Mouros, o sepulcro da Laxe do Crego, o Castelo de Rodas e interesantes obras modernas como os canastros ou o  viacrucis da Igrexa de San Xoaquín.

Mergullado baixo as ondas, fuxindo das vosas rañas, das vosas nasas, na procura de evitar o destino case inevitable de sucumbir baixo os vosos lumes, é difícil coñecer a realidade de ceo aberto, seino..

            Algúns de vós dicides que a illa é unha balea durmida para ter a vosa particular historia de San Brandán. Ollades un paraíso dende Fedorento ou dende o Centulo malia estar na terra do Buraco do Inferno.

            Aquí abaixo miles de habitantes competimos entre bosques de argazo, por aquí pasan os golfiños e cazaban as lontras; por aquí nadan as maragotas, as robalizas e tantos peixes diferentes e gustosos. Nas rochas viven os percebes, os mexillóns e se agochan mariscos apetitosos: nécoras, centolas...

            Dinme que na terra viven algúns réptiles como o lagarto arnal ou a cobra de escada, que aniñan os paxaros: o corvo mariño, a gaivota, a pomba brava. Na época de cría a súa abundante presenza e os seus chíos protectores lémbranvos  a película dos paxaros.

            A illa está cuberta pola matogueira: fentos, toxos, uces, algunhas árbores: eucaliptos, piñeiros e onde queda algo de humidade o salgueiro. Pero o fantástico da flora de Ons son os seus endemismos: Cytisus insularis, unha xesta que só medra nos cantís de Ons e Sálvora,  Rumex rupestris un tipo de labaza tamén habitante dos rochedos costeiros, e  Linaria arenaria, marabillas que é imprescindible conservar.

            Estades vós que cultivades o millo e a miña derradeira compañeira: a pataca, que me gozades “á feira”ou “en caldeirada”, que edificáchedes un castro, que sepultáchedes no sartego da Laxe do Crego, que rezáchedes a San Xoaquín como se fose Eolo para gozar dos bos ventos, que vos defendéchedes dende o castelo de Rodas, que iluminades o mar coa luz intermitente do Faro…

            E eu, sempre preocupado polo día en que nos vexamos cara a cara.

Tipo:

Espazos naturais

Localidade:

Bueu

Onde comer cerca

Taberna O Farol

a 13km 368m

Onde aloxarse cerca

Camping Aldán

a 14km 551m

Camping Francón

a 13km 788m

Patrimonio cercano

Casa Molezún

a 12km 311m