Cargando...

LONXA E PRAZA DE ABASTOS

LONXA E PRAZA DE ABASTOS

Se tivésemos que aconsellar unha visita por esta vila,  o mellor sería principiar pola Lonxa e Praza do peixe. A frescura e variedade dos peixes e moluscos que se venden directamente na praza, incluso polas tardiñas, recén chegados os barcos -maiormente do cerco- co peixe da ría, configuran unha estampa  digna de contemplar, dende o atraque ata a venda mesma aos viandantes, pasando pola poxa. A espectacularidade das capturas expostas e a disposición do público, grazas ao traballo da Confraría San Martiño, fan da vila de Bueu un dos remansos máis prezados da costa. Destacaremos: o polbo de preto das Ons, os peixes de ración da ría como corbelos, pintos, maragotas, linguados... e mailo mexillón dos polígonos bateeiros da propia enseada, que non debes ter dúbida en mercar, tanto polo bo xénero como polo bo prezo, tanto se o preparas ti mesmo como se o das a cociñar en calquera dos fogóns da localidade.