Cargando...

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

Fundada en 1984 pola Asociación Cultural Xiria, a MITCF de Cangas, ademais de ser única en Galicia, é un dos escasos festivais que en Europa celebran a Comedia, xénero que resiste desde a vella Grecia e que segue a ser un óptimo remedio para a saúde ética e mental dos países e as sociedades de todos os tempos.

Desde o seu comezo, as  persoas que impulsaron a Mostra quixeron empapala do carácter festivo e aberto das xentes de Cangas, unha vila adicta ao Carnaval, moi activa socialmente e coas súas portas abertas á rúa e ao mar. Así foi como naceu o seu carácter cómico e festivo, un selo de identidade que lle serviu para acadar o recoñecemento do público e dos profesionais do sector, converténdose nun referente indiscutible en Galicia e nun dos festivais máis prestixiados do Estado.

Apostar por unha programación internacional, estatal e galega de calidade foi sempre a principal prioridade da MITCF, sen renunciar a organizar unhas actividades paralelas que enriquecesen as súas diferentes edicións con exposicións, obradoiros, encontros e eventos como o Revoltallo en Pedra, no que se dan cita moitas das asociación culturais e artísticas de Cangas.

Querese destacar aquí o compromiso coa igualdade e a paridade, tal e como amosa o historial de programación e das xornadas Mulleres en Acción que, creadas no ano 2000, foron pioneiras entón e son, hoxe, únicas en Galicia.

Deste xeito foise confeccionando unha fecunda bagaxe na que se fusionan talento, países, humor e teatro, proporcionándolle á MITCF  un constante goteo de novos públicos e, tamén, a inestimable colaboración do pequeno comercio e dalgunha das grandes empresas do Morrazo.