Cargando...

MUSEO MASSÓ

MUSEO MASSÓ

Museo Mariñeiro Massó, así bautizado polos seus mecenas propietarios, a familia conserveira Massó. Hoxe é un museo de titularidade pública pertencente á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, dende que foi adquirido en 1993 e aberto ao público no 10 de xullo de 2002.

En 1928, o Premio Nobel de Física, Guillermo Marconi, visita a moderna fábrica de Bueu. Tras coñecer as coleccións da mencionada familia suxírelles que creen con ela un museo. Será inaugurado en 1932, sendo o inventor do telégrafo o primeiro en asinar no libro de honra. O edificio, adquirido polos Massó á familia de Pedro Piñeiro, de Cela, fora inicialmente unha salga e logo un almacén; quedou despois como refuxio das vellas maquinarias que serían xermes do museo familiar.

Hoxe non se pode falar de Bueu sen falar deste museo, están xa intrinsecamente unidos. Del destacaremos o feito de presentar este pasado conserveiro. Tamén recolle toda unha etnografía derredor do mundo mariñeiro de baixura, esparexida en catro salas: embarcacións tradicionais coma o bote polbeiro (patentado polos carpinteiros de ribeira de Bueu) ou a dorna a vela, pasando polos útiles de pesca e unha carpintaría de ribeira completa, na planta baixa. Anexos figuran aparellos da época da caza das baleas: arpóns, canóns, ferramentas de despece, etc. Tamén na planta baixa se atopan varias pinturas de Urbano Lugrís González, achados prehistóricos, cunchas mariñas... e unha sala de exposicións temporais. Na planta alta está a “sala nobre” cunha riquísima colección bibliográfica de obras históricas relacionadas coa navegación e incunables, así como cartas de navegación, gravados e documentos de grande interese historiográfico como a expedición de Malaespina, títulos de venda de escravos, cartas do monarca Felipe II, etc. Tamén atopamos maquetas de barcos como a do San Juan Nepomuceno ou a da Nao Victoria e instrumentos náuticos varios como compases, nocturlabios, astrolabios...

Rúa de Montero Ríos, s/n - Bueu

HORARIO:

Martes a sábado de 10:00 a 20:00 • Domingos e festivos de 10:00 a 14:00 • Pechado os luns.

PRECIO:

Gratuito

TELÉFONO:

FAX:

986 321 838