Cargando...

PARROQUÍA DE SANTIAGO DE CANGAS

Parroquia de Santiago de Cangas

Esta vila grande óllase no espello dun mar doce e rumoroso, e deixa entrever no mare magnun de novas edificacións a torre da igrexa de Santiago. O Apóstolo está moi presente nesta vila pertencente ao bispado de Compostela, desde a denominación da propia parroquia ata o mesmo escudo, constituído polo túmulo do apóstolo, o bastón do peregrino, a cuncha de vieira, a cruz de Santiago e un sol dourado.

Os restos da vila medieval son tesouros ocultos que podes descubrir, pero tesouro minguado por un suceso histórico que marcou a vila e os seus habitantes, a denominada  invasión dos “turcos”. Sábese por referencias escritas diversas que durante o final da Idade Media, os piratas berberiscos frecuentaban as nosas costas para asaltar e saquear os territorios máis desprotexidos. O día 5 de decembro de 1617, unha flota de barcos achegouse ás Puntas de Balea e Rodeira para dirixirse ao pequeno núcleo urbano de Cangas, saquealo, destruílo e secuestrar a cantas persoas fosen útiles aos seus fins. Cangas era daquela unha presa fácil para calquera inimigo a causa da inexistencia de recintos fortificado para gorecerse, polo que os que puideron marcharon a refuxiarse nos montes próximos, desde onde tiveron que contemplar o fume que se erguía dos incendios. Un fermoso poema, un dos poucos galegos nestes chamados Séculos Escuros, rememora estes feitos: “Polo camiño aí vén un home/aínda vén lonxe, lonxe, lonxe…/Eu non sei se anda ou se corre/ porque vén lonxe, lonxe, lonxe.// Quen fora galgo/Quen fora paxaro/Quen fora vento”.

Tres días camparon as hordas berberiscas ao seu antollo e chegaron a incendiar a igrexa da veciña parroquia de Darbo. Aínda que os números non sexan completamente fiables, dise que se queimaron duascentas casas e as artes e instrumentos de pesca. Estas perdas sumirán a vila nun período de retroceso económico que dará orixe a escuros episodios, os intereses económicos, disfrazados de defensa da ortodoxia católica, erguerán unha lenda de terra de meigas tras a que se escondía realmente a cobiza para facerse coas propiedades dos condenados por ter tratos con Satán. Así nacen historias como a de María Soliño, inmortalizada nun poema do insigne escritor Celso Emilio Ferreiro: “Baixo os tellados de Cangas/Anda un terror de auga fría,/ Ai, que soliña quedache,/ María Soliña”.

Curiosamente, María Soliña ou Soliño non deixou de ser un referente histórico, e hoxe dá nome a un dos centros de ensino medio da localidade. Quixo o pobo gardar memoria daqueles feitos e desde hai uns anos escenifícase no mes de setembro o desembarco dos piratas e o seu percorrido destrutor. Pero do trazo urbano da vila medieval quedan rúas como a Real, do Arco, Berbetaña, Ruafaixa, etc.