Cargando...

PARROQUIA DE NOSA SEÑORA DO CARME DE MOAÑA

Parroquia de Nosa Señora do Carme

Moaña é o lugar onde, pese ao trato diario, case obsesivo, entre a terra e o mar, os nosos ollos van, inevitablemente, pousar a cada momento sobre ese retallo ás veces azul ou gris, ventoso ou en calma, bravo ou tranquilo, con traíñas ou motos acuáticas, veleiros ou transatlánticos, bateas ou chalanas pescando con liña. Mentres, na costa,existe un feixe de lugares preparados para o enredo infantil, a ximnasia dos maiores, as rotas saudables anticolesterol; concertos e actuacións teatrais de verán a inverno. Un territorio para perderse, amosarse ou esconderse, ámbitos para mocear e namorar, lugares de desexo vertical e horizontal, amplos, verdes, arborados e interxeracionais. Todo o litoral moañés está feito, como unha luva, para unha sociedade camiñante e pedaleante, con son e recendo de salitre e brea.

Durante os case quince quilómetros da fronte litoral do concello de Moaña, en certas zonas gañadas ao mar dende hai case 30 anos, fíxose realidade o relato parisino de 1968: debaixo dos recheos está a praia. Dende os anos 80 do século pasado roubámoslle ao mar as praias nas parroquias de Domaio, Meira e Moaña para facer alamedas, peiraos e paseos marítimos, pero o mar, coa teimosía do polbo laborioso que reconstrúe o seu hábitat unha e outra vez, volve traer a area matricial a carón das ramplas, dique, xardíns e paseos, para recordarnos quen estaba sobre a fronteira areosa entre o mar e a terra, cun dereito inalienable de primeiro ocupante antes de ser humanizado o territorio: primeiro que o ser humano e as alamedas foi o mar e os areeiros que volvemos ver de novo ao carón do litoral axardinado.

O actual centro urbano de Moaña, configurado socialmente de forma definitiva a partir dos anos 60 do século pasado, é tributario de dúas importantes vías de comunicación: a rúa Ramón Cabanillas, gran corredor que lle dá a esta zona do concello a fasquía de tantos pobos-estrada de Galicia, ao xeito das míticas cidades do Far West, co seu hábitat residencial estendido a carón da vía rodada, e a beiramar, formada pola rúa que se vai axustando ao mar durante toda a súa extensión, compoñendo unha panorámica de salón aberto e paseo litoral, terrazas de verán, confraría de pescadores, club náutico, centro de saúde, bancos, zonas deportivas, pequenas mostras de arquitectura modernista, mercado de peixe, carne, froitas e horticultura, librerías, pastelerías, parques, Casa do Concello e todos os servizos do quilómetro cero, cerne da vida social, económica e cultural de Moaña e cruzamento de camiños cara a Cangas, Pontevedra ou Vigo.

En Moaña pódese apreciar o encanto da navegación, no verán, nos programas de visitas concertadas ao parque de bateas do mexillón ou a procesión de barcos durante as festas do Carme, o 16 de xullo, pero sobre todo diariamente, nunha viaxe de pasaxeiros con tradición secular: Moaña é dos últimos peiraos de Galicia en que aínda existe o transporte marítimo, cordón umbilical que nos liga a Vigo con billete de ida ou de ida e volta, un tipo de comunicación que ficou arrombada na meirande parte do noso litoral pero aquí segue a funcionar diariamente e forma parte tamén da memoria popular, literaria, fotográfica ou cinematográfica que podemos ver na colección do NODO ou máis recentemente en Os luns ao sol, Sete mesas de billar francés, etc.

O litoral central de Moaña, entre O Con e Meira, é unha praia continua, ás veces verde de céspede e outras beixe de area, sen perder nunca a liña do mar como un anfiteatro privilexiado.