Cargando...

PARROQUIA DE SAN CIBRÁN DE ALDÁN

Parroquía de San Cibrán de Aldán

Aldán é un atractivo para todos os que gusten de gozar de praias de augas mornas e tranquilas. Desde o límite coa parroquia do Hío, na praia de Vilariño, sucédense un rosario de areais de diferentes tamaños que pola súa orientación permiten gozar do sol na súa plenitude. A Ría de Aldán constitúe un caso singular nas Rías Baixas ao ser a única que rompe a orientación noreste-sudoeste. Porque efectivamente a Ría de Aldán penetra na Península do Morrazo seguindo a dirección norte-sur, e facendo da veciña parroquia do Hío unha península dentro da península do Morrazo. Pero estas terras encerran unha riqueza que vai máis alá da riqueza paisaxística e ofrece a oportunidade de coñecer e gozar de pezas singulares dentro do patrimonio cultural do concello, desde a Torre de Aldán aos gravados rupestres. Como sei que es moi andante, non dubido de que te recrearás na beleza da ría subindo a calquera punto da Serra da Magdalena, que a xeito de muro se ergue sobre os límites da parroquia.