Cargando...

PARROQUIA DE SAN MARTIÑO DE MOAÑA

Parroquia de San Martiño

A Moaña litoral axardinada e urbana é descendente por liñaxe territorial e social da outra Moaña costaneira e relixiosa que labrou a semente e a identidade ao redor da relixión e a igrexa pétrea de San Martiño a base de rezos, foros e décimos, mentres a vida e a historia camiñaban entre a Idade Media e a metade so século XX baixo a forza ideolóxica do crucifixo.

Se andamos pola parte alta da parroquia podemos observar no percorrido a transición entre unha cultura litoral urbana e residencial e outra, no interior, agropecuaria: San Martiño, coa súa grande feira agrícola. Foi núcleo matriz de Moaña e capital do concello ata os anos 60 do século XX. A súa a igrexa principal, o adro, as casas de cantería ben labrada e tallada, o antigo cemiterio e a Casa Reitoral, conservan o sabor dos devanceiros.

Para entender esta época medieval e moderna, Moaña conta co patrimonio arquitectónico de pazos ou casas fortes como o do Rosal (dos Saavedra) do s.XVII ou a granxa e casa de Pasarín, tamén do s.XVII.

Máis arriba, preto do nacemento do río da Fraga, encontramos O Beque, complexo deportivo e cámping municipal, próximo á aldea da Fraga. Fican atrás os camiños percorridos entre o monte e o mar, un territorio cartografado a base de muros de perpiaño ou cachote, pequenas leiras minifundistas, viñas e árbores con peras, pexegos, kiwi, aguacate, marmelo, caqui, laranxa, limón, ameixa ou figo que nos falan do labor parceiro de mans campesiñas e dun clima agradecido que aproveita o sol e o abeiro dos ventos principais. Esta é a trama e a pegada dun país e dunha poboación creadores dunha cultura agrícola e marítima exhibida en gastronomía colorista e variada. É doado percibir o recendo a loureiro condimentando a grande parte da fauna marítima comestible: camaróns, nécoras, centolas….