Cargando...

PARROQUIA DE SAN XOÁN DE TIRÁN

Parroquia de San Xoán de Tirán

No peirao de pasaxeiros onde está situada a estación marítima que comunica Moaña con Vigo arrancan as terras do Real, un latifundio de orixes medievais que perdurou ata os anos 1970, deixando, como recendo e patrimonio de vellas nobrezas e fidalguías a Casa do Real. Hoxe dá nome ao macrobarrio, típico do desarrollismo dos anos 70, espallado pola aba do monte da granxa que se estendía sobre o que hoxe son soares e edificios residenciais entre Moaña e Tirán.

Entramos en terras de Tirán, parroquia panorámica, balcón e miradoiro do éxodo emigrante, refuxio do camarón –a canción popular fixou todo un imaxinario colectivo: “para peixe fresco Vigo / para chocos Redondela / para camaróns Moaña…”-  ou a nécora que se crían nos laños escuros e recollidos que ofrecen as praias do Con ou o Canaval, unidos por vellos camiños de carro ou corredoiras hoxe adaptadas ao tránsito rodado, postal de Galicia para os ollos e a biografía de milleiros de persoas camiño de ultramar, cando Vigo era a cidade do trafego humano e o billete do adeus.

Un lugar excepcional para ollar as pantasmas deste álbum de cromos históricos deste micropaís da ribeira norte da ría de Vigo é o adro da pequena Igrexa de San Xoan de Tirán.

Na historia literaria quedou Tirán como a residencia pacega de Xosé María Castroviejo, home de viaxes mariñas e poéticas no Gran Sol ou aéreas polas chemineas de Galicia. Lindaba no seu tempo cos terreos do actual cámping de Tirán .