Cargando...

PARROQUIA DE SANTA EULALIA DE MEIRA

Parroquia de Santa Eulalia de Meira

SANTA EULALIA DE MEIRA

Algo máis alá do centro de Domaio, case no linde con Meira, está a paisaxe da Borna, sementada de pedras con prehistóricas grafías que deron lugar a interpretación e recreación en lendas de atlánticas navegacións nas rotas de Irlanda ou os países escandinavos: seica algunha man dos nosos predecesores tallou sobre o granito un petroglifo, un debuxo inquietante que os académicos interpretaron como unha nave capaz de aventurarse no Atlántico. Copiada e reconstruída esta nos anos 70 a partir de pegadas da cultura marítima do occidente europeo e bautizada como Borna, chegou a navegar na súa viaxe inicial nunha travesía efémera case ata as illas Cíes coa súa obra viva e morta a base de vimbios e coiro. Aínda se pode ver en Santiago, no Museo do Pobo Galego.

A Borna garda tamén testemuño dalgunha das covas que deron acubillo aos fuxidos da represión da Guerra Civil española, e acredita tamén, no gran cráter onde se pousa hoxe o estaleiro Rodman, das vellas pedreiras a ceo aberto para extraer o granito necesario na construción dos novos peiraos de Vigo a partir de mediados do século pasado, que transformaron o litoral da cidade en rada das principais rotas marítimas migratorias internacionais entre Europa e América.

Neste espazo de transición da Borna, aínda podemos apreciar a fasquía do que foi o máis importante estaleiro naval de Galicia e España entre as décadas de 1960 e 1970, o lugar onde se botaron os buques conxeladores Lemos e Andrade, a prehistoria da cultura do peixe conxelado, que saíron  deste lugar pola rota de Sudáfrica, cando as tripulacións galegas pasaban embarcadas case un ano sen vir a terra, pescando a cobizada pescada, peixe branco que non podía faltar nas vodas durante un tempo importante de transición entre unha cultura alimentaria da fartura e outra de dieta cara á fin de século.

As pegadas da nosa cultura da construción naval e conserveira aínda se poden ver no tránsito entre O Latón e a praia do Cocho, onde convive o rueiro e o hábitat tradicional das vivendas unifamiliares coas novas fábricas de embarcacións de poliéster que podemos ver en calquera dos peiraos do mundo ou as naves de aceiro que forman parte dunha paisaxe de barrio industrial.

Hai deportes pouco coñecidos fóra, pero moi practicados nesta ría. Meira e Moaña son importantes capitais do remo de traíñas que existe en todo o norte de España.

A través da auga, sempre a vía de comunicación máis importante destas terras, chegamos ao centro simbólico de Meira, a Illa de San Bartolomeu de brazos e remos, cantares de cego, juevo esmijado, antiga cultura de mulleres en traxe branco fabril e conserveiro, gastronomía mariñeira, artesanía e manufactura con fío de cánabo... e máis aló ata a Praia da Xunqueira, doméstica e infantil, area e paseo marítimo que nos acompaña ata a Moaña central.