Cargando...

PARROQUIA DE SANTIAGO DE ERMELO

PARROQUIA DE SANTIAGO DE ERMELO

O seu nome provén do latín *eremus, ‘ermo, deserto por estar deshabitado’. Non é de estrañar, pois, que fose elixido como enclave eremítico e ascético alá polo século IX e máis tarde monacal.

Posúe riqueza en auga; alí nace o río Frade, chamado Bispo no seu curso final (o único do mundo que nace Frade e morre Bispo) e a terra de cultivo é fértil.

Relacionado co labor cristianizador de San Martiño de Dumio e San Fructuoso de Braga na Alta Idade Media, poida que en Ermelo resida o verdadeiro berce do Morrazo, o pai espiritual fundador, a raíz dende a cal se poboaría esta península. A fundación do mosteiro a finais do século X foi atribuída a Pedro Monge, abade de Sobrado dos Monxes. Foi nomeado expresamente por vez primeira no ano de 868. De máis recente memoria son a visita que Frei Martiño Sarmiento fixo a este priorado e o proceso inquisitorial seguido contra Frei Martín Pelagio, frade deste mosteiro condenado polo Santo Oficio a cen días de xaxún acusado de participar en meigallos e prácticas de bruxería con andainas en malas compañas na praia de Areas Gordas. O mosteiro perviviu ata a desamortización do século XIX. Hoxe como quedou dito, está ao coidado “da súa filla”, Santa María de Cela.