Cargando...

Pazo Casa Granxa do Pracer

Pazo Casa-Granxa do Pracer

Existen outros restos patrimoniais na parroquia de Cela como a Casa Granxa do Pracer, tamén coñecida como a Casa Grande. Situada na aldea do Torrón, lugar de  As Castiñáns, fai límite coa parroquia de San Martiño de Bueu.

Trátase dunha casa do século XVII, fundada por un vástago dos Aldao. Instalada nun promontorio natural, a carón do camiño real ou estrada vella de Pontevedra ao Morrazo, foi concebida en orixe como unha granxa para abastecer a casa principal de Pontevedra, converteríase finalmente en residencia permanente dos donos.

No muro exterior que dá á verea, nunha fornela, a modo de peto de ánimas, atópase alumeada a Virxe do Portal, que non é outra que a Virxe dos Remedios, toda ela en pedra policromada do país. Xa no interior, a edificación principal, de boa cantería, con balconada cara ao noroeste, ten planta rectangular en “L”. Conta cunha labra na fachada norte impoñente e fermosísima na súa composición e conservación. Nela pódense ver -sobre a base dunha cruz oca flordelisada que reparte os campos- as armas dos Aldao, Bugarín, Barbeito, Camba e Abreu, Taboada, Padrón e outra flor que lembra o Santo Oficio.

Conta cun amplo circundado, no que cabe destacar un hórreo de seis pés en pedra e madeira (mixto); e unha fonte na que se aprecian unhas inscricións en latín de difícil lectura.