Cargando...

Pazo de Aldán

Pazo de Aldán

O río Orxás corre coma unha vea aberta e desauga mansamente en San Cibrán. Aí érguese a señorial Pazo-torre dos Condes de Canalejas entre un núcleo de casas que constitúen un núcleo desde hai varios centos de anos.

O pazo de Aldán forma parte dun vello trazado urbano, posiblemente medieval. Unha simple ollada sobre a fachada, permítenos distinguir a presenza dunha torre que as posteriores ampliacións eliminaron como tal para integrala no conxunto dun edificio de maior altura. Esta torre contén o escudo nobiliario da familia propietaria consistente en cinco flores de lis. O Padre Crespo, ilustre monxe do mosteiro de San Xoán de Poio que nas súas prédicas e misións por gran parte de Galicia fixo un enorme labor de recollida e estudio de lexicografía, afirma que ten unha orixe lendaria. Conta este monxe bieito que en certa ocasión chegou a Compostela unha peregrinaxe de cabaleiros francos entre os que estaba un parente do rei. As peregrinaxes eran daquela tan habituais como agora e a aglomeración de xentes era grande. Nesa ocasión estaba o cabaleiro contemplando o botafumeiro e pisoulle un pé ao nobre Fernán Pérez de Aldao. Este esixiulle unhas desculpas ao cabaleiro franco que se negou a dar por considerarse libre de tal obriga ao ser membro da alta nobreza. Vendo o nobre galego que non ía ter desculpa de ningún tipo, retou ao franco a un duelo que este rexeitou pois a súa condición de peregrino non lle permitía responder a esa demanda, pero manifestou a súa disposición a facelo encantado se, nalgún momento, Fernán Pérez de Aldao viaxaba a Francia. E así foi, tivo Fernán Pérez a ocasión de viaxar a París e reclamou o cumprimento do compromiso. O duelo levouse a cabo con éxito para o galego, que reclamou as armas do vencedor. O francés entregoulle as armas con estas palabras “Toma maldonado…!” O Padre Crespo afirma que desde aquela Aldán, Aldao ou Maldonado fan referencia á mesma familia e o escudo nobiliario desta familia ten cinco flores de lis, dúas máis que os Borbóns que unicamente teñen tres. Sen embargo o licenciado Molina, na súa Descripción del reino de Galicia, afirma que os sucesos se desenvolveron doutro xeito, pois é o rei quen admirado do esforzo do galego ofrécelle calquera cousa que estea no seu reino. O cabaleiro galego pide a cambio ter no seu escudo unha flor de lis máis que o rei de Francia, este atado á palabra dada di: “Maldoados sexan”.

Pero máis alá dos episodios que pretenden explicar a nobreza da liñaxe, a influencia desta familia nas terras de Aldán foi enorme. Moitas terras desta parroquia eran  da súa propiedade e, aínda hoxe, a Serra Magdalena esta inzada de marcos que baixo o epígrafe de Coto de Aldao establecían os límites das posesións. As terras do pazo foron tronzadas pola actual estrada que comunica Aldán e Bueu e algunhas construcións como un acueduto que traía as augas desde o nacedoiros ata as terras máis baixas do pazo quedaron separadas da torre. Outras, coma unha pequena ponte de orixe medieval que permitía cruzar o río Orxás, perdeu o seu sentido e hoxe consérvase coma unha lembranza do pasado. Fronte ao pazo, érguese unha gran laxe e no seu cume pódese ver un sarcófago antropomórfico do que non se teñen datos que permitan saber se formaba parte dalgún complexo funerario máis amplo.

Onde comer cerca

Onde aloxarse cerca

HOTEL DOADE

a 1km 446m