Cargando...

PAZO DE SANTA CRUZ

PAZO DE SANTA CRUZ

O Pazo de Santa Cruz, sito no lugar da Carrasqueira, foi fundado en 1659 polo xa mencionado don Fernando de la Rúa y Freire. Recibe o sobrenome de Quitapesares  porque a súa posición, de verdadeiro anfiteatro sobre a ría e as súas fermosas vistas son un remedio contra calquera pena. Trátase dunha edificación rectangular, de estilo barroco, con torre de homenaxe ameada. Na súa traseira está o primitivo patio de armas, hoxe pechado, cun camelio central. Engadíuselle unha solaina asoportalada sobre arcos de medio punto complementos do primitivo patín. A actual escalinata e balconada da fachada principal norte é unha adición na última reforma dos anos 1980. Conta este pazo con tres labras heráldicas. A principal, na fachada sur, coas armas dos de la Rúa, Novoa, Pimentel e España. Embaixo, encaixada nun murete colateral facendo esquina, procedente doutro lugar, unha pedra armeira deteriorada coas armas dos Freire de Andrade, Santo Oficio, Aldao e Fonseca, e a terceira -coas mesmas armas baixo unha manifestación de Deus Pai- na capela.