Cargando...

PORTO DE MEIRA

Porto de Meira - Samertolameu

As vellas fotografías de comezos do século XX amosan esta illa como unha paisaxe lavada e romántica, semella unha pequena balea sobre a area, peiteada coas árbores do adro, á que se accedía coa marea baixa a través da Traspasante, camiño e pequena rampla desaparecidos nas últimas décadas do século pasado e transformados en grande avenida litoral que ollou como se construía o novo peirao pesqueiro no interior do dique que ampara barcos, chalanas e traíñas deportivas.

Capital marisqueira, pesqueira e industrial de Moaña, Meira concentra na illa de San Bartolomeu todos os símbolos do que foi e o que chegou a ser: industria cordoeira, frota de pesca artesanal, capela do santo que quita o medo –“Samertolameu, dáme o teu medo e lévate o meu”– e no seu adro un cruceiro moderno con motivos mariñeiros no varal e espazo deportivo do remo de traíñas, un xogo que condensa o traballo dos vellos oficios do mar, cando era preciso desprazarse a remos e establecer unha nobre competición económica para chegar canto antes á subhasta no peirao vigués. Durante os meses de xullo e agosto, no Samertolameu de Meira e  Tirán, desenvólvense boa parte dos maiores acontecementos de remo de traíñas de toda Galicia e da costa cantábrica.

Onde comer cerca

Onde aloxarse cerca

Camping Tirán

a 2km 975m