Cargando...

Restos romanos de Pescadoira

Restos romanos de Pescadoira

As escavacións executadas no ano 2000, no mesmo lugar onde ata hai pouco funcionaba unha fábrica de conservas, sacaron á luz importantes achados que demostran que as actividades vinculadas á conservación do peixe se veñen realizando en Bueu dende a Antigüidade. Descubríronse dous fornos oleiros de época romana, pezas case únicas na Península, onde se facían as mesmas ánforas nas que se almacenaba e transportaba o peixe, unha delas con características nunca vistas antes. Formarían parte dun taller de cerámica do que tamén se acharon restos dun gran patio porticado e varias habitacións. No lugar identificouse asemade unha fábrica de salgadura do século II d.C. con seis pías para a salga, entre outras edificacións anexas. O futuro museo arqueolóxico do mar que se establecerá en Pescadoira permitirá contemplar todos estes vestixios a través dunha pasarela.