Cargando...

ROMARÍA DE DARBO

Romaría de Darbo

O 8 de setembro celébranse as festas na honra de Santa María de Darbo, que teñen unha tradición que se mantén hoxe con máis forza que nunca.

As festas de Darbo están consideradas como unha das máis afamadas de tódalas Rías Baixas sendo un exemplo da mellor tradición romeira.  A continuación da celebración dos oficios relixiosos, chega o momento da procesión ao redor do templo da patroa de Darbo, Santa María, ao longo dun percorrido que se achega ao medio quilómetro.

O seu remate bailase a tradicional Danza e Contradanza diante da imaxe da Virxe. 
Xa pola tarde, ten lugar unha segunda misa, ao redor das sete, á cal lle segue, de novo, a Danza e Contradanza, que ten unha duración aproximada de tres cuartos de hora.

Este baile está considerado como unha das pezas máis antigas de Galicia, herdada e transmitida durante séculos polos antepasados. A danza data do século XVI e bailábase para dar gracias á Virxe por favores recibidos durante o ano.

Participan dez galáns, cinco damas, un gaiteiro e un tamborileiro, todos eles dirixidos por un guía que marca o tempo da Danza e da Contradanza.  Os danzantes distribúense en tres filas, seguindo ao guía principal, que leva as damas e as coloca formando arco en fronte da fila da esquerda; esta sae e marcha por fóra da outra formando outra parte do arco que se une ao primeiro; e, por último, a outra fila de galáns cerra a circunferencia.

Para a Contradanza utilízase a mesma colocación, fórmase un círculo xeral levando o guía ás damas e despois ós contraguías coas súas filas. Desfacendo o círculo formando as tres filas, e cunha volta sobre si mesmo de cada individuo, remata a Contradanza e a Danza.

Trátase dun baile moi vistoso, no que os homes tocan as castañolas. Un grupo de bailaríns baila ante a figura da Virxe, seguindo unha coreografía transmitida de pais a fillos procedente do seo dos gremios e confrarías que querían honrar á súa patroa. A Danza de Darbo coincide coas festas do mesmo nome que son as que maior repercusión e éxito acadan de todas as que se celebran nas distintas parroquias de Cangas. O visitante poderá gozar dos peixes, as empanadas e o viño que gran cantidade de postos ofrecen.

http://www.romariadedarbo.com/