Cargando...

Rua Real e Casas

Casas na rúa Real

A Rúa Real é a máis señorial e céntrica. Unía, ata o traslado da Casa Consistorial hai poucos anos, os edificios máis importantes, concello e igrexa, co mercado e a Alameda de Soage. Como o seu nome indica, trátase dunha vía construída por iniciativa da coroa, segundo se recolle no Diccionario geográfico, estadístico e histórico de Pascual Madoz para comunicar a vila con Pontevedra. Arranca na Praza da Constitución e elévase como antiga saída para Pontevedra, onde se poden aprezar algunhas das casas señoriais máis sobranceiras de Cangas. Cómpre dicir con todo que as casas máis destacadas desta rúa pertencen aos finais do século XIX. Outras construídas no século XX manteñen a utilización da pedra, aínda que perdendo a ornamentación que distingue as casas podentes construídas nas décadas anteriores.

Nada máis comezar, batemos cun exemplo moi digno de mención. Durante as obras de reforma da tenda que ocupa o número 10, descubríronse as columnas que sostiñan o antigo  soportal que permaneceu cegado varias décadas. A sensibilidade de técnicos e propietarios permítenos ver o trazo orixinario da fachada.

Seguindo, atopamos edificacións de feitoría delicada, cunha labra da pedra moi fina. Case todas con grandes balcóns. Ás veces os construtores optan por favorecer o uso dos balcóns máis alá do breve estío construíndo pequenas galerías. Sobresae unha casa, a que ten o número 19, que coroa a fachada coa data da súa construción, 1894. Destacan os remates das falsas columnas dalgún dos edificios, que aportan equilibrio e empaque a unhas fachadas onde tamén destaca o deseño das fiestras. Uns metros máis arriba, aparece unha das primeiras casas de galería, trátase dunha construción de 1894. Os arcos superpostos sobre as portas, aparecen tamén nunha casa construída un ano máis tarde que a anterior. No lugar que antes ocupou unha pastelería, os arcos sobresaen moito máis sobre a fachada e danlle unha fasquía  ostentosa. A calidade da pedra de todas estas casas é sobresaliente, tanto que máis de cen anos despois locen cun aspecto resistente e limpo.

De época máis antiga quedan outros edificios de feitura máis sinxela como a casa co número 20. Trátase dunha edificación de factura máis ruda ca as outras mencionadas. A presenza dunha columnas hoxe cegadas denota a existencia dun espazo asoportalado. Na fachada lateral deste edificio, sobre a Rúa Benigno Soage, atopamos un escudo constituído por unha cruz flanqueada por catro pequenas estrelas. O edificio co número 37 conserva escudo nobiliario. 

Onde aloxarse cerca

Hotel Playa

a 1km 279m

Don Hotel

a 1km 171m