Cargando...

SALGADURAS E ESTALEIROS

SALGADURAS E ESTALEIROS

A salga como método de conservación do peixe foi dende antigo unha práctica frecuente no litoral de Bueu. Na segunda metade do século XVIII, os empresarios cataláns empézanse a interesar polo produto, primeiro acudindo a realizar compras esporádicas e despois asentando definitivamente as súas industrias de salga.

Os forasteiros incorporaron novas artes de pesca, como a xávega, e novas técnicas, coma o prensado. Porén, tamén emprendedores galegos e mesmo italianos contribuíron en Bueu ao desenvolvemento desta actividade, que acadou o seu máximo apoxeo no século XIX. Chegou un momento en que toda a costa do municipio era case unha sucesión continua de máis de vinte fábricas de salgadura. Coa crise do sector no século XX, só algún empresarios acadaron con éxito a reconversión en conserveiras, cetarias e conxeladores.

Hoxe quedan estruturas en pé en praias como Pescadoira (Bueu), e A Roiba (Beluso), aínda que o mellor exemplo é o da salgadura de Mourisca, en Udra, que nos últimos anos de actividade arredor da década dos 40 pertencía á familia Massó. No recinto permanecen os elementos típicos destas construcións, dende as pías para o salmoirado ata o sistema de prensado, e os donos actuáis teñen en marcha un proxecto de recuperación. Na outra cara do cabo, na praia de Ancoradouro, consérvanse restos doutra antiga salgadura.