Cargando...

SAN PEDRO DE DOMAIO

San Pedro de Domaio

Ao pé da Ponte de Rande comeza o concello de Moaña, na parroquia de Domaio que garda unha dobre memoria: por unha banda a histórica de tesouros, cobizas, corsarios e galeóns asolagados na batalla naval de outubro de 1702, e tamén a literaria das viaxes de Xulio Verne e o capitán Nemo. Domaio é o van da ría de Vigo, un entallado que permitiu a colocación case natural da ponte de Rande, no seu día a máis alta do mundo entre a liña da auga e a de rodaxe, un viario clave para entender as comunicacións viarias e tamén as simbólicas entre Galicia, a península do Morrazo e os camiños que levan a Vigo, Pontevedra, Santiago ou Portugal. Domaio, como máis tarde veremos no barrio da Praia de Moaña, O Con, Meira ou Tirán son bulevares con mar.

Pero Domaio tamén son terras fértiles, eidos de moito pan, paisaxes de fotografía en sepia, música de entroido con teatro de Madamas e Galáns, coplas dos maios, lembranza de fames e farturas alimentarias, sombra de corticeiras, abondosa auga de ríos e enclave da fervenza vertical que atravesa a Poza da Moura, magnífico exemplo pagán e romántico de ensamblaxe entre as antigas lendas de louras mulleres de máxicas propiedades e o medio ambiente natural da pequena lagoa que remansa, aclara e deita a auga nunha postal de entrada a un mundo verde e vizoso que fai traballar a nosa imaxinación e as cámaras fotográficas que levaron fóra a imaxe barroca da igrexa e a boa feitura da casa reitoral de S. Pedro, a carón do río e do mar.

Nas terras baixas desta parroquia, rente ao mar, podemos apreciar a evolución do núcleo parroquial tradicional. A Igrexa de San Pedro de torre prominente cunha balconada corrida e pináculos en bóla propios do estilo barroco e cemiterio próximo; os principais núcleos habitados, aínda rodeados dun grande cinto ou corredor verde, e un litoral que mostra as embarcacións auxiliares para o cultivo do mexillón, os restos de estaleiros de ribeira ou o paseo litoral que conecta o peirao pesqueiro e mexilloeiro co porto deportivo e as pequenas calas, un percorrido incluído na Rede Natura 2000.

Domaio foi ribeira moi fotografada pola viaxeira e antropóloga Ruth M. Anderson, en 1924, quen deixou constancia gráfica da gran cultura da construción naval que evolucionaría, andando o século, cara aos enxeños navais para criar mexillón, ostra ou rodaballo, que se poden ver dende as pequenas calas do seu litoral urbano.