Cargando...

SAN SALVADOR DE COIRO

San Salvador de Coiro

A parroquia de Coiro limita coa de Cangas polo Río Bouzós, tamén coñecido como río do Señal. É unha fronteira natural que hoxe permanece oculta na desembocadura. Como quedan tamén soterradas as dúas pontes, a tradicional cos vellos rituais bautismais e a da estrada construída a principios do s.XX. Dende os anos 1970 sitúase entre ambas o cruceiro do Señal erixido en 1721. Castelao recolleuno como un dos máis destacados da bisbarra no xa citado As cruces de pedra na Galiza.

Este val está percorrido por tres ríos, que dan de beber aos cultivos de millo, patacas ou outros produtos que formaron parte da economía de subsistencia de moitas familias pois complementaban con estes froitos do dos campo os ingresos que xeraba a pesca. O río Bouzós, co seu afluente o Présas, desaugan no barrio do Forte. O rego das Saíñas ten un percorrido máis curto e vai morrer no outro extremo da praia de Rodeira, preto das vellas saíñas, situadas na punta do mesmo nome.

Dominando o val, coma un miradoiro sobre a ría de Vigo e o núcleo urbano de Cangas, érguese a Igrexa de San Salvador e ao seu lado atópase a Casa Reitoral.

Esta parroquia conta con fermosas pistas forestais que recomendamos percorrer a pé, observando unha paisaxe de gran beleza, o Carballal de Coiro.

Podes visitar tamén a Casa Museo da Mangallona que acolle parte da obra do pintor e escultor Camaño Xestido e doutros artistas de sona internacional.

Claro que non podiamos deixar Coiro sen falar do muíño de Fausto, onde se celebra anualmente a Festa do Muíño.