Cargando...

SANTA IFIXENIA BUEU

CAPELA DE SANTA IFIXENIA

A Capela de Santa Ifixenia  é un pequeno templo de planta rectangular. Orixinariamente estaba baixo a mesma advocación que o pazo, non en balde forma parte das súas dependencias, pero actualmente celébrase unha romaría en honra a Santa Ifixenia, a Santa negra, en cada mes de setembro. No seu interior custódiase a bula papal que dispensa indulxencias plenarias no día da Santa Cruz. Arrimado ao muro exterior oeste ten un altar a modo de fornalla pétrea dedicada á Virxe da Soidade, representada pola imaxe dunha Piedade. Na esquina dese mesmo muro destaca un púlpito en pedra coas labras dun gaiteiro e dun tamborileiro. Fronte á capela, no medio do adro,  está un cruceiro de 1681, cunha lenda no seu plinto relativo á fundación do Vía Crucis que unía o pazo co templo principal de San Martiño de Bueu. Separando este recinto da zona boscosa na que asenta a capela atópase o portón interior con lintel e arco datados de 1671, ameado e decorado con esculturas representando a Xesús crucificado, a Virxe María e San Xoán, motivo este que se repite en parte no portalón exterior do muro principal de entrada ao adro da capela, só que con motivos pétreos de músicos, nada frecuentes neste tipo de conxuntos.