Cargando...

SANTA MARÍA DE CELA

SANTA MARÍA DE CELA

a Igrexa románica de Santa María de Cela, referente obrigado tanto pola súa arquitectura e escultura como polo seu emprazamento de extraordinaria beleza sobre a enseada de Bueu. Consta dunha nave e unha ábsida rectangulares coa orientación acostumada do estilo románico (eixo leste-oeste) respondendo á dualidade: cara ao nacente o altar maior e cara ao poñente a fachada principal. O grosor dos seus muros move ao recollemento. No testeiro da ábsida ábrese unha fiestra de arcos de aresta de medio punto apoiada en dúas columnas de varais monolíticos con capiteis e bases de perfil ático con garras sobre plinto. Os capiteis, sobre colariños, están decorados con follas planas e grandes. No piñón da ábsida, un carneiro en actitude submisa e sen cruz antefixa representa o agnus dei.

Na fachada principal, sitúase unha seteira orixinal, baixo a que se atopa un tornachuvias sostido por seis canzorros historiados, tres de lóbulos, un de decoración vexetal e os outros dous de proa lobulados. A portada está concibida como unha serie de arcos apuntados ou arquivoltas configurando ese aspecto de abucinamento para salvar o groso do muro. É aquí onde se manifestan os trazos característicos do estilo sanxoanista: dúas arquivoltas tóricas de media caña entre boceis de directriz apuntada decoradas con tres motivos alternantes: cintas entrelazadas, en tres casos, motivos de figuras humanas unidas polo tronco, quedando as cabezas aos lados, en catro casos e motivo de rosetas en toda a portada. Ambas arquivoltas apoian en dous pares de columnas de varais monolíticos lisos e arrimados ao muro con capiteis e bases. Os capiteis, diferenciados polos colaríns, teñen decoración vexetal con follas de dúas ordes e os bordes voltos cara a fóra. As bases, toscanas, teñen garras sobre os plintos.

O tímpano confórmase de xeito semicircular e é de dous corpos (lintel e tímpano propiamente dito): no  superior, no centro, unha figura vestida ata os nocellos en actitude orante, mans xuntas á altura da cintura. Aos lados, dous leóns rampantes coas fauces abertas e no lado dereito dous círculos concéntricos, a representación da escena bíblica de Daniel no foxo dos leóns. No corpo inferior, no centro do lintel, unha cruz potenzada; á dereita, catro follas en aspa enmarcadas nun círculo, á esquerda, cruz potenzada da que nace unha cruz de San Andrés, de oito puntas, emblema e representación escultórica da orde sanxoanista que tamén atopamos no lintel da porta lateral da fachada sur. Sostendo o tímpano, dúas mochetas historiadas con personaxes contorsionados.

A verdadeira riqueza escultórica deste templo románico reside na composición e lenda dos seus canzorros historiados os máis deles nas fachadas norte e sur. Na norte, forman o aleiro da ábsida sete pezas con decoración de billetes sostidas por outros tantos canzorros cos motivos seguintes: vexetal, félido coas patas dianteiras na boca, de lóbulo, de proa e ave con póla entre as súas garras. No exterior da nave, dezanove pezas conforman o aleiro con decoración de labor de cestería con entrecruzados, fileiras de pomas con vástago, billetes e parellas de follas, todas sostidas por vinte canzorros con cabezas de carneiro, félido devorando a unha presa, de lóbulo, vexetais, personaxe contorsionado en actitude procaz, aves, personaxe bicéfala, figuras metamorfoseadas entre trazos humanos e animais...motivos todos eles que se repiten e alternan na fachada sur.

Xa no interior do templo, un arco triunfal apuntado adornado con rosetas, marca o paso da nave ao presbiterio. Este está conformado con bóveda de canón apuntada sobre dous arcos faixóns que descansan en columnas arrimadas ao muro, manifestadas ao exterior en dous contrafortes. Da decoración escultórica que reitera os motivos do exterior  destaca a do presbiterio; no capitel do muro sur existe a representación dunha figura humana sostendo unha campá e, no lado norte, podemos observar unha estraña escultura: en cada extremo ten un rostro humano con diadema, no centro, na parte do tronco, están unidas por unha terceira cara da que non acertamos a saber se é animal ou humano. Polo demais, debemos prestar atención aos retablos barrocos.

En resume, diremos que a igrexa románica de Santa María de Cela é, toda ela, unha alegoría da conversión interior dos cristiáns, de aí todo ese conflito entre seres humanos e animais, metamorfoses e vómitos,  sexa toda unha invitación a volver a nacer dende o interior, todo coroado co año de Deus triunfante representado nos carneiros dos cumios do propio templo.

 

HORARIO: O exterior todos os días do ano e o interior da igrexa en horario de misa (tódolos días de luns a sábado as 19:00h e os domingos as 10.00h)

Onde aloxarse cerca

Camping Tirán

a 6km 307m